Achégovos a ficha de lectura coa que imos traballar nesta avaliación. Como probablemente contaremos coa visita de Marcos Calveiro, tamén habemos preparar algunhas preguntas. Recoméndovos aproveitar as vacacións do Entroido para irdes léndoo e axiña vos entregarei unha ficha para repartirdes o traballo. Estou segura de que vos vai gustar. Feliz lectura! Susana.
Todos somos
Título: Todos somosAutor: Marcos Calveiro
Editorial: Xerais
Colección: Fóra de Xogo
Nº páxinas: 160
ISBN: 978-84-9914-536-52
O autor
Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), neto de feirantes taberneiros, vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007). En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, novela editada en galego e castelán, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Despois, mereceu o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008), o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais 2010) e o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012 por Palabras de auga (Xerais 2012). En 2011 publicou Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais 2011) e Centauros do norte (2011) polo que obtivo o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil 2010. Tamén é autor da tetraloxía El samurai del rey (2010-2011). A meirande parte da súa obra está traducida ao castelán e catalán. En Xerais Narrativa leva publicadas dúas novelas: Festina lente (2008) Premio da Crítica 2008 (narrativa), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009 e Setteccento (2010). Como poeta publicou Cartas do terceiro día (2007), VIIº Premio de Poesía Concello de Carral. Mantén aberto o blog Alfaias: http://alfaias.blogaliza.org e o perfil en Twitter: twitter.com/calveiro.
Resumo argumental
Nunha cidade galega, unha adolescente chamada Natalia desaparece. Antón, compañeiro de Natalia no instituto, asiste ao balbordo que a nova xera no barrio. O medo esténdese a todos os habitantes da praza na que mora Natalia e Antón. Ademais de ser testemuña de como a tensión vai subindo de intensidade nos seus veciños, Antón ve tamén como a relacións dos seus pais vai empeorando cada vez máis e a tensión do momento lévao a fuxir da casa. Lina Souto, investigadora do caso cun trauma non resolto por causa dunha desaparición dun rapaz anos atrás, implícase emocionalmente co sufrimento de Antón e, mentres trata de atopalo, fai todo o posible para non sucumbir á adicción ao alcohol que viña arrastrando de tempo atrás. Natalia nunca aparecerá, pero Lina, que si consegue dar con Antón, sente que conseguiu, de algún xeito, salvalo nun momento moi complicado na súa vida e resarcirse do neno que non conseguira salvar anos atrás cando aínda non era policía. Canda este drama de múltiples dimensións, a historia mostra tamén, a través do personaxe de Belén Soliño, presentadora de televisión disposta a facer o que sexa para acadar a fama, de xeito descarnado, ese outro drama que é a sociedade mediática onde até os acontecementos máis escabrosos e dolorosos son susceptibles de se converteren en espectáculo e no trampolín profesional para xornalistas sen escrúpulos.
Temas e valores
Adolescencia e madurez: o relato é, en boa medida, o proceso de maduración de Antón nun momento especialmente difícil da súa vida.
O divorcio dos pais: a relacións dos pais de Antón sofre un proceso de dexeneración durante a novela e o rapaz terá que aprender a encaixar esa realidade.
Os monstros que crea o medo social: o clima de medo que se vive na comunidade na que viven Natalia e Antón tradúcese na agresión a un rapaz inocente por parte dun grupo de veciños que patrullaban a zona de noite.
O compromiso profesional vs. o todo vale con tal de medrar: Lina Souto e Belén Soliño son as dúas caras da moeda. Unha toma o seu traballo e a implicación coas persoas tan en serio que mesmo lle ten provocado problemas co alcohol no pasado. A outra é capaz de vencer calquera escrúpulo con tal de medrar profesionalmente.
O excesivo poder da sociedade mediática: en toda a historia os medios xogan un papel principal e non para ben. Case que sempre aparecen retratados como lugares dados á manipulación e á espectacularización da dor allea.
A solidariedade: pese a todo, na sociedade segue a haber un sentimento solidario que se expresa en circunstancias como as que narra o libro.
A violencia na sociedade: as múltiples caras da violencia social están presentes en todo o relato.
Actividades
Antes da lectura
• Na portada, por un efecto óptico da ilustración, pode intuírse unha cara humana entre as edificacións. Procurar cadros de Salvador Dalí nos que aparezan este tipo de efectos e comentalos na clase.
• Acudiron algunha vez a algunha manifestación ou concentración? Comentar as experiencias na clase.
Despois da lectura
• Por que pensan que o libro comeza cunha cita da coñecida presentadora de televisión Ana Rosa Quintana? Que pensan que quere dicir a frase: «Demos a nova que todo xornalista quería dar»?
• Os títulos dos capítulos comezan sendo apenas unhas letras até que finalmente, no último, capítulo, conforman a frase «todos somos Natalia». Que pensan que quixo expresar o autor con isto?
Despois da lectura
1. Define as seguintes palabras:
Vaga (páx. 18)
Devalo (páx. 18)
Pairar (páx. 18)
Elo (páx. 20)
Amoucar (páx. 21)
Afouto (páx. 24)
Encirrar (páx. 32)
Bisbada (páx. 42)
Abolado (páx. 44)
Bambán (páx. 61)
Alicerce (páx. 65)
Avesío (páx. 65)
Alancar (páx. 69)
Zanfonear (páx. 72)
Sornear (páx. 78)
Gaguexar (páx. 78)
Suíño (páx. 116)
Capelexar (páx. 129)
Chafariz (páx. 129)
2. Constrúe unha frase ou un parágrafo no que apareza o maior número posible das palabras da pregunta anterior.
3. Fai un pequeno comentario de texto sobre o contido deste parágrafo.
«Nos seus escasos paseos pola cidade, Lina Souto decatárase de que o progreso ou a insensatez dos seus veciños fixeran desaparecer moitos dos recunchos que lembraba da súa mocidade. Botaba en falta unha chea de edificios antigos, xunto cos cines, cafés e tendas de toda a vida que había nos seus baixos. Todo aquilo que a facía íntima, acolledora, recoñecíbel. Agora, transformárase nun extenso e uniforme centro comercial que en nada diverxía do que había en calquera outra vila, grande ou pequena. A cidade perdera gran parte da súa identidade e con ela moito do seu encanto».
4. Que queren dicir as seguintes frases feitas?
As cousas andaran nas mans do demo (páx. 14)
Beber os ventos (páx. 17)
Custáralle ferro e fariña (páx. 24)
Coñeces algunha outra frase feita galega? Escríbea.
5. No libro aparecen distintos estilos de xornalismo escrito. Localízaos e xustifica a pertenza a cadanseu tipo.
6. Conta brevemente que pensas que sucede entre Lina Souto e o recepcionista do hotel no que se aloxa durante toda a historia.
7. Finalmente, Belén Soliño consegue a súa pretensión de ascender no mundo da televisión? Que sucede?
8. O día da patrulla cidadá pola praza da Bichoca, quen é o veciño que resulta agredido por tentar parar o linchamento ao mozo inocente?
9. Con que obxecto agasalla Natalia a Antón?
10. Que relación tiña Lina Souto co rapaz morto no pasado que tanto a atormentaba?
11. Como se chama o polémico líder de opinión das columnas do xornal?
Autor do proxecto de lectura: David Rodríguez Rodríguez
No hay comentarios:
Publicar un comentario